A LUÍS SEOANE (BREVE LOANZA DA SÚA OBRA E CERTA ATENCIÓN Á SÚA POESÍA)

Xoán Xosé Fernández Abella
Ou!, fillo de emigrantes, naciches en Bos
Aires, e ós seis anos trouxéronte para a Patria galega.
Pola Guerra Incivil tiveches que exiliarte,”O
pintor eisilado” do “Fardel do eisilado” facendo de Bos Aires a
túa patria no exilio e rachando o silencio que en Galiza imperaba.
Foi nos anos sesenta o teu regreso a
España.

Figura colosal, case inconmensurábel da
historia de Galiza, ciclópeo creador: Cartelista, Muralista, Pintor, Deseñador,
Debuxante, Ilustrador de libros, sexan teus ou doutros, Narrador, Xornalista,
Editor esencial, creador de revistas, e Autor teatral, ata incluso Biógrafo (Maside,
Grosz, Eiroa, Avendaño, ou “Castelao artista” ou “Arturo
Souto”… entre outros).
Poeta. E un innúmero etcétera.
Abondaría citar a “Galicia emigrante”,
escrita e radiofónica,-máis de 800 crónicas!- para un lugar egrexio na galega
cultura.
Poeta extraordinario da emigración e o
exilio, teu “Fardel de eisilado” o mesmo que “Na brétema,
Sant-Iago”, tamén “As cicatrices” e tamén “A maior
abondamento” conmóvennos a alma polo inmenso combate a prol da nosa Terra,
e da Xustiza e da Liberdade contra toda opresión e todo abuso.
Síntome impresionado pola túa poesía, profundamente
auténtica e galega, excepcional e única, que ás veces, é verdade, é cal prosa
poética, mais foi por ti querida e moi ben empregada.

Na edición de Losada remata “A maior
abondamento”
con estes dous poemas: “Celsa R. I.
aforcouse en xulio do 74” e “O mestre de Echternach”.
Do primeiro direi que, se as pedras lesen,
chorarían. Como tamén farían chorar outros poemas teus.
Meu admirado Luís, tiveches en Maruxa
Fernández López a compañeira única e un apoio total á túa xenialidade.
Contigo, e con Isaac Díaz Pardo, -irmán,
columna, amigo- temos outro maravilloso xenio renacentista.

Os Tilos, 25/marzo/2019

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *