MEMORIA DE ACTIVIDADES

Marisa Naveiro López
A finais de maio de 2008 organizabamos as primeiras xornadas sobre os Irmáns Suárez Picallo, polo que se fan agora dez anos desde que publicamente se deu a coñecer esta parte da historia sadense. Aquí remitirémonos aos últimos seis meses nos que seguimos coa acostumada actividade.

No acto que, como cada mes de outubro, se celebra no cemiterio en homenaxe a Ramón Suárez Picallo, léronse textos deste último e de Xosé Neira Vilas, presentándose un Caderno que leva por título “Homenaxe a Xosé Neira Vilas, amigo e grande escritor”. Estiveron presentes os autores: Xosé Martínez-Romero e Alfonso Blanco Torrado.

O número 15 da revista Areal presentouse o 20 de outubro na Capela de San Roque, cun acto que xirou en torno ao 90 aniversario do noso compañeiro na directiva Xesús Castro. O presidente Paco Pita puxo de relevo a súa traxectoria e proxectouse o documental realizado por Xosé Seoane e Javier González Garrido: Conversas con Xesús Castro. A revista tamén inclúe o artigo de Iago Santalla “Carta a Xesús Castro Vidal”. 

Homenaxe a Xesús Castro

Xosé-Mª Monterroso Devesa elabora un Caderno de Estudos Xerais sobre “Julio J. Casal e Galicia”. Nel estuda a impronta cultural exercida polo poeta durante a súa estadía como cónsul de Uruguai na cidade da Coruña. É nesta cidade, en Portas Ártabras, onde presentamos o día 8 de novembro o Caderno cunha conferencia a cargo do autor sobre A revista artisticoliteraria Alfar: A Coruña 1923-Montevideo 1955.

Charla de J-Mª Monterroso en Portas Ártabras

En decembro, na capela de San Roque, tivo lugar a presentación do volume Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio, da autoría de Carlos Babío Urkidi e Manuel Pérez Lorenzo. Interviñeron, ademais dos autores, Rafael Carballeira e Amable Carballeira en representación da nosa asociación (coorganizadora do evento), Isabel Reimúndez (Concelleira de Sada), Juan Pérez Babío (veciño de Meirás) e Manolo Monge (expresidente da CRMH). A sinopse do libro é a que segue: Unha das imaxes que máis asociamos á ditadura de Franco é a da silueta do Pazo de Meirás. Residencia de verán do Xefe do Estado durante case catro décadas, o edificio, construído pola escritora Emilia Pardo Bazán, chegaría ás mans do ditador nun proceso marcado polas coaccións e os abusos sobre unha poboación sometida ao aparello represivo do réxime.
O presente volume estuda e documenta eses procedementos e analiza a actuación das administracións en Meirás, co investimento continuado de fondos públicos nunha propiedade que, á morte de Franco, ficaría nas mans da súa familia.
Un relato que vén botar luz sobre unha historia que o franquismo nos transmitira en termos ben diferentes. O relato dun tempo que axuda a explicar, en boa medida, o noso presente.

Presentación de Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio, de C. Babío e M. Pérez.

Tamén como cada xaneiro unha representación da Asociación achégase ao cemiterio de Boisaca, en Santiago, paras render homenaxe ao que fora o noso Socio de Honra: Isaac Díaz Pardo. Repartimos o Caderno onde se recollen as intervencións do ano anterior. Nesta ocasión tivemos o pracer de escoitar as verbas de, entre outros, Clodomiro Montero, Alfonso Monxardín, María do Cebreiro, Claudio Rodríguez Fer, Víctor Freixanes e Xesús Alonso Montero. Ao remate interveu o grupo de gaitas Os catro de Vigo.

Ofrenda a Díaz Pardo en Boisaca

Por iniciativa da nosa entidade e da Real Academia Galega, acollida polo Concello de Bergondo, no cemiterio de Moruxo réndese un recoñecemento a Filomena Dato, a “poetisa das Mariñas”, descubríndose unha escultura de Francisco Escuredo durante o acto no que interveñenRubén Aramburu,  párroco de Bergondo,Paco Pita, presidente da nosa  asociación, Ana Hermida, actriz, Dores Tembrás, editora e escritora bergondense, Víctor F. Freixanes, presidente da RAG e un grupo de alumnos de 2º da ESO do CPI Cruz do Sar, rematando o acto coas notas do himno galego, interpretado por Francisco Otero López.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *