A CULTURA COMO DESENVOLVEMENTO SOCIAL

Iago Santalla
O barrio de Fontán no ano 1933. En primeiro plano as fábricas de salga Vida Gallega, Vigo, 20/05/1933.

Moita xente fai unha disxuntiva entre o feito social e o cultural considerando que nunha situación de crise o primeiro son as necesidades básicas. Teñen razón, mais hai que ter en conta que nunha situación de crise tamén hai que buscar fontes de orixinalidade que nos permitan ser competitivos nun mundo globalizado; fontes que nos leven a rescatar todo aquilo que se garda na nosa orixinalidade intacto para compartir co mundo. O factor cultural sempre foi e será un medio de desenvolvemento que nos convida á unidade humana. Neste sentido resulta básico o diálogo e o coñecemento mutuo que nos leva a compartir fusións culturais sen perder identidade. 
Concibindo a cultura como algo vivo resulta imprescindible o seu decorrer paralelo á evolución social, por iso os que pretendemos desenvolvernos na propia cultura debemos ter un ollo permanente posto nos cambios da sociedade, involucrándonos nos problemas e nos dilemas de cada momento histórico. Deste xeito a cultura cumpre sempre unha misión cívica que deixa constancia do retrato social que caracteriza cada feito que vivimos, transformándoo nun elemento cultural a preservar. Isto quere dicir que a cultura é a nosa experiencia colectiva. Aquela que nos convida a aprender dos erros que nos precederon para seguir construíndo o futuro. 
Cada pobo ten que saber rescatar do pasado a experiencia e os orgullos que gardan os seus devanceiros e facer deles un motivo que impulse ao mundo a visitalo e a interactuar con el nun recoñecemento mutuo. Neste sentido converter a cultura nun elemento de desenvolvemento social equivale a renunciar á pureza para abrazar a evolución humana e nela procurar un benestar colectivo. 
O sector cultural e o social non están tan afastados; de feito ata están incluídos no concepto “terceiro sector”. Xuntos velan por un benestar sen arrabaldes que una interdependencias a prol do porvir colectivo. Trátase, ao fin e ao cabo, de coñecer o noso pasado tendo en conta que telo é un fenómeno exclusivamente humano e a partir del construír un futuro ancorado na orixinalidade. Daquela o investimento cultural pode ser un río que desemboque no investimento social xerando un mar de benestar en forma de emprego e orgullo ancorado na propia identidade. O investimento cultural crea emprego e fixa poboación evitando o despoboamento e a dispersión pero precisa unha aposta clara que parece difícil en tempos de suposta austeridade.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *